Compartimos a nova publicada por A Estación en https://redecoworking.pel.gal/blog/.
Actualmente podemos dicir, porque é evidenciable, que existe unha multitude de sistemas de organización de persoas e recursos, con independencia de que o noso proxecto de negocio sexa xuridicamente individual ou colectivo. En calquera caso, incluso para quen traballa pola súa conta, a dinámica empresarial e de mercado impón unha serie de relacións persoais con provedores, clientes, etc.
Segundo organicemos os factores (humanos, materiais, económicos) que conforman o noso proxecto, para a consecución das nosas metas e obxectivos, o resultado que obteremos será un ou outro.
Os sistemas de calidade
Dentro deses sistemas existentes de organización empresarial atopamos os denominados sistemas de xestión da calidade. Eses sistemas poden ser froito do traballo propio, do traballo de consultorías e asesorías externas.
Os sistemas non é necesario que partan de sistemas formais certificables xeralistas (normas ISO, etc.), pero é evidente que tomalas como referencia pode axudarnos no deseño e configuración dos mesmos.
As certificacións
Os sistemas de xestión de calidade certificables son sistemas potencialmente válidos para todas as organizacións, que deben adaptarse a cada unha delas. A deficiente adaptación implicará que esa potencialidade non sexa aproveitada e supoña máis un lastre ca unha vantaxe. É dicir, inda que cara fóra pareza que todo funciona, pode ser unha mera pantalla que camufle unha “non-calidade” evidente.
Pero retomando o fío, hai que dicir que as certificacións de calidade poden implicar unha serie de vantaxes a nivel competitivo, debido a que teñen posibilidade de incidir tanto a nivel interno como externo.
A certificación implica que unha entidade (acreditada para facelo e, por tanto, enténdese que imparcial e obxectiva) comproba e da o seu visto e prace para que unha empresa, profesional ou outro tipo de entidade, sexa recoñecida publicamente por cumprir cunhas normas de calidade.
O modelo teórico e o seu choque coa realidade
O gran problema dáse en non poucos casos cando imos á realidade. Se ven certos negocios poden precisar/necesitar certificacións en calidade para desenvolver legalmente a súa actividade, moitas empresas ou profesionais son atraídas polo suposto prestixio que supón estar certificado en materia de calidade, pensando que iso permitirá atraer nova clientela, etc.
A realidade pode levarnos a unha valoración crítica: os sistemas de calidade certificables dificilmente son implantados de abaixo a arriba, pola propia dinámica dos mesmos. Esta opinión deriva do feito de que o habitual é saltarse a fase de adhesión a un sistema: alguén que manda na empresa ou entidade decide que se implante un sistema certificable, pero é viable dentro da dinámica da propia organización?
En moitos casos, tras un breve achegamento ao equipo humano que debe lidiar co sistema de calidade no día a día, pásase á burocracia que supón a súa implantación formal, moitas veces de forma rupturista e sen apoio por parte das persoas que deben participar dese sistema. Por tanto, son sistemas pouco orgánicos; máis de forma que de fondo.
A letra pequena
Máis aló dos “pros”, que evidentemente os hai, é importante deterse nos “contras” porque adoitan a non verbalizarse abertamente.
A nivel interno da/o profesional ou empresa os contras son ou poden ser varios. Centrarémonos en dous.
- En primeiro lugar, atoparse inmerso/a nun sistema de funcionamento que precisa da evidencia constante, polo que xera nas persoas escaso interese (vese como unha complicación engadida non como a vantaxe que podería ser) fartazgo, ou incluso rexeitamente aberto.
- En segundo lugar, que non se fagan as cousas mellor ca antes, e se prime aparentar (un risco moi grande a nivel de torpedear a implicación persoal das persoas co negocio).
A nivel externo indicaremos outros dous:
- Que non se saiba sacarlle partido á certificación, e non exista realmente ese recoñecemento público que permita obter máis clientes, mellorar o “caché”… Hai unha enorme carencia de formación en como aproveitar o feito da certificación para xerar valor engadido, non tanto nas grandes empresas, senón nos pequenos negocios.
- Que en actividades e sectores onde non é requisito imprescindible, poida chegar a verse que a certificación non é sinónimo de calidade real, senón un mero paripé.
Para rematar simplemente indicar unha pequena frase feita que resulta aplicable a esta materia (e a moitas máis a nivel de negocio, como a capacitación do persoal, a tecnoloxía dispoñible, etcétera, etcétera): o importante non é tanto o que se ten, senón como se usa.