Compartimos a nova publicada por A Estación en https://redecoworking.pel.gal/blog/.

A dinamización comercial non é doada en ningún sector de actividade, cada un coas súas especificidades. Que non sexa doada só significa que hai que traballala, pero en ningún caso significa que non sexa posible facer unha dinamización comercial exitosa. E isto é válido tanto para unha gran cadea hoteleira, como para un humilde negocio unipersoal.

Moitas veces todo comeza coa mesma frase “Onde están os meus clientes”. Dependendo de como a formule cada quen, poderemos saber cal é a visión e actitude de cada un ao respecto do tema.

A visión reactiva

Hai quen a entonaría así: “Onde están os meus clientes!”.

Alguén abatido, ou lamentativo, ou simplemente enfadado co devir dos acontecementos.

Normalmente deriva de situacións complicadas para a supervivencia do negocio: perdeuse clientela e non se sabe o porqué e a onde foron parar; ou nunca a tiveron. A necesidade xera moitas veces desesperación, pero convén non deixarse atrapar por ela.

Agardar a que as cousas cambien por si mesmas non é boa opción. Se sucede, estupendo, pero será cousa do azar e non de (re)pensar.

A visión proactiva

Pero que sucede se a anterior frase a reconvertemos en pregunta? “Onde están os meus clientes?”.

Pois a imaxe que reflicte é moi diferente á anterior. A situación pode ser igualmente delicada no económico (incluso máis), pero o problema é moito menor. É moito menor porque as situacións as reverten as persoas.

O diagnóstico de alguén que acepta unha situación pero non se conforma con ela (que se cuestiona onde están os seus clientes; que investiga e se informa; que planifica e actúa) é simple: hai vida para o negocio, porque alguén exerce de motor.

O diagnóstico é moi distinto e desolador para quen simplemente se lamenta da súa sorte e agarda a que mude a fortuna.

Probar algo diferente

Einstein falaba de que, cando se están a buscar resultados distintos, non se debe facer o que se fai sempre. Algo debe mudar. Era un observador formidable.

Non deberiamos obviar algo tan evidente pero que, en moitas ocasións, nos negamos a ver, ou, dadas determinadas circunstancias persoais, non somos capaces de ver. É unha compoñente humana entendible, pero cando falamos de negocios debemos buscar a forma de estar guiados para o caso dunha cegueira (metafórica) sobrevida, da que ninguén está libres.

Cal é a solución?

Hai solución para isto? Non hai apócemas milagrosas, aínda que veñan moi ben envoltas e etiquetadas. Pero se hai un ingrediente imprescindible, este é a vontade para cambiar. Non para cambiar a situación económica, que iso virá despois como resultado, senón a vontade para cambiar o que se está facendo.

Chega o momento de valorar que fago ben e que fago mal a tenor dos resultados, e non é preciso flaxelarse para o caso en que descubramos que fixemos algunhas ou moitas cousas mal. Dende unha visión estratéxica de negocio, non é motivo de tristura, senón todo o contrario.

Pensar con alguén máis

Acompáñate de quen te poida axudar neste proceso. A colaboración suma; non debe verse como algo que resta ao proxecto. Cada persoa decide con quen quere colaborar e ata onde, pero o aporte de ideas novas, especialmente en momentos complicados, case sempre ven dalgún axente externo.

Neste sentido, un dos obxectivos da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo (https://redecoworking.pel.gal), que formamos parte A Estación Vedra (https://aestacionvedra.gal/, https://www.facebook.com/profile.php?id=100076330172480) é a colaboración entre persoas emprendedoras.

E onde están os meus clientes?

Os clientes, por definición, son aquelas/es que acoden a nós e nos pagan por un produto ou servizo. Agora pescudemos por que veñen, se virían ou consumirían máis (e por que razóns), se nos serven de voceiros cualificados que van traendo nova clientela, etc. E despois fagamos na práctica pequenos ou grandes cambios para que sexan clientes fidelizados, que se atopen a gusto e obteñan oferta para as súas necesidades ou demandas.

Pero a fin de contas, preguntarse “onde están os meus clientes” non é suficiente. Hai que preguntarse onde está quen non o é aínda. Por tanto hai que buscalos, non só no noso refuxio (o local físico de cada empresa) senón fóra.

E xa que comecei por unha pregunta remato por outra: “Onde estou eu?”. É dicir, onde ten presenza o meu negocio? Só no meu local? Só na miña contorna máis próxima? Se esa é a resposta, pensen na cita de Einstein. Que magnífico observador.