Onte en A Estación desenvolvemos con Magnafor un dos tres Foros de Emprendemento Rural enmarcados na Axenda Emprende, iniciativa da Deputación da Coruña (Plan Emprego Local – PEL Deputación da Coruña).
As 2 mesas concebidas para a exposición de proxectos emprendedores queriamos que tivesen como denominador común tres piares que consideramos fundamentales: o traballo colaborativo, a creación de negocio dende o rural, e o emprendemento social.
A primeira mesa «Emprendemento feminino en clave rural» correu a cargo de Creativas Galegas, colectivo que agrupa a máis de 200 profesionais e pequenas marcas do eido cultural galego, que crean ou deseñan en Galicia. Grazas a Isa (Creativas Galegas) por falarnos desta gran iniciativa colaborativa. Grazas a María (Mailo), Mónica (20xvinte) e Ruth (SonAgasallo) por amosarnos o seu talento e determinación.
A segunda mesa abordou retos e estratexias no mundo rural dende a visión emprendedora. Contou con proxectos vitais e profesionais de persoas ligadas á nosa Estación, e con quen temos a sorte de traballar e compartir ideas. Grazas a Alba (Meteórica Cine), Camila (Lume Producciones), Lorena e Cristina (Aquelando) por seren o que son, e pola súa iniciativa e compromiso.